Tuesday 07 de May de 2024

O Goberno local comprométese a estudar as achegas de Ciudadanos para os orzamentos


 

José Manuel Lage, agradeceulle a voceira de Ciudadanos a súa “actitude positiva” de cara a elaboración das contas municipais

O voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, comprometeuse a estudar as propostas de Ciudadanos para incluílas nos orzamentos como a construción dunha senda desde O Matadoiro ata a Torre de Hércules. Agradeceu na rolda de prensa tras a xuntanza desta mañá coa voceira de Ciudadanos, Mónica Martínez, “a súa posición crítica desde a oposición, pero facendo achegas positivas e buscando puntos de encontro a pesar de que os grupos políticos que representamos cada un e unha de nós non se sitúan nas mesmas coordenadas”.

O goberno, lembrou o edil, mantén unha posición aberta a recibir propostas dos grupos cos que non teñen ningún acordo programático estable. “Polo tanto, non prexulgamos en ningún caso a posición que poidan adoptar diante dos orzamentos; a nosa man está tendida” e deixou a porta aberta a que Ciudadanos presente nos próximos días máis achegas. O de hoxe foi o primeiro encontro co grupo municipal de Ciudadanos para falar dos orzamentos 2020 que asentan, lembrou o voceiro, en tres piares: na reactivación económica, na mellora da política social e na aposta pola sustentabilidade, con especial fincapé nas políticas de mobilidade. Neste senso, o voceiro sinalou a responsabilidade que “temos como grupos municipais e que o importante é poñer por riba os intereses das coruñesas e coruñeses salvando

as diferenzas políticas partidistas para chegarmos a algún tipo de acordo positivo

para a cidade”.

Lage asegurou que o Goberno municipal continúa deste xeito coa rolda de negociacións con todos os grupos. Sinalou que o feito de que existan acordos con Marea Atlántica e o BNG que levan a “que empecemos un traballo intenso para poder presentar un documento acordado ao longo do próximo mes, non implica impoñer un cordón sanitario” ao resto de grupos. Por iso, dixo, nos próximos días manteremos unha reunión co grupo municipal do Partido Popular.